Respectable Loxa, Queridos Irmáns,
Congregámonos hoxe aquí, no propio día en que o Sol alcanza o seu apoxeo, para conmemorar o que sen dúbida é un dos momentos do ano máis importantes para un masón, a celebración do Solsticio de Verán ou do San Xoán Bautista.
Este evento, mais aló de ser simplemente un evento astronómico, está cargado dun importante simbolismo e de importantes ensinanzas morais e filosóficas.
Nas antigas tradición o solsticio de verán foi celebrado por todas as culturas como un tempo de plenitude, de colleita temperá, de lume e de luz, e nós, como Fillos da Luz, non somos alleos ao seu poder simbólico.
O solsticio representa a plenitude da Luz, o punto culminante dunha viaxe solar que inevitablemente non pode facer outra cousa que declinar, iniciándose así un novo período de introspección, de reflexión e de mirada interior.
É un momento de expansión, de apertura e revelación, pero tamén o é de reflexión, de mirada atrás para tomar conciencia dos avances e das aprendizaxes realizadas no camiño iniciático, sobre as verdades desveladas, os acertos e os erros cometidos.
Pero rendemos tamén homenaxe a San Xoán Bautista, símbolo da integridade, do espírito de renovación, do deber moral, do ascetismo e a rectitude, polo que nos reafirmamos na nosa vontade de vivir segundo os máis altos principios morais sendo, coma el, faros de Luz nun mundo cheo de tebras.
Renovamos así o noso compromiso co perfeccionamento interior e o servizo á humanidade, co cultivo dos lazos fraternais que a todos nos unen, pero especialmente entre os integrantes desta recén nacida Loxa que durante os próximos meses, unha vez efectuados os trámites administrativos pendentes, deberá dirixir os seus pasos cara a consolidación dos seus cimentos, o crecemento en número de membros e o cultivo dos nosos valores e principios.
Queridos Irmáns, que o resplandor do Sol neste Solsticio de Verán renove as nosas forzas, avive os nosos ideais e nos inspire a continuar a obra de construción, interna e externa, individual e colectiva, con dedicación, rectitude e amor fraternal.
Que a Luz, símbolo da Verdade, a Razón e a chama do Amor Fraternal, nunca se apague nos nosos corazóns!
Feliz Solsticio de verán, Queridos Irmáns!
