Mensaje de benvida do Venerable Mestre



Desde hai moito tempo xa un grupo de irmáns masones procedentes de diferentes loxias da xeografía galega decidimos que a cidade de Ourense, outrora tamén denominada a “Atenas de Galicia” pola presenza dun importante núcleo de intelectuais ilustrados, liberais e galeguistas de toda caste e ideoloxía, se merecía un espazo de reflexión, liberdade e tolerancia como o que a nosa Orde facilita; un lugar no que poder cultivar a fraternidade e manter acesa a chama da Francmasonería.

Hoxe todo ese traballo e empeño, toda esa efervescencia e hiperactividade, as charlas, coloquios, publicacións e exposicións que sobre a masonaría levamos a cabo nesta provincia deu os seus froitos, vendo por fin establecida esta Loxia na fermosa Auria.

Pero, quen nos ía dicir a nós que, á responsabilidade de erguer por primeira vez columnas na nosa cidade tras os aciagos acontecementos de 1936, lle habería que sumar a de levar o estandarte dunha loxia como a Curros Enríquez n.º 114?

Esta emblemática loxia, de longa e frutífera historia, que leva por nome unha das figuras máis insignes da historia e da literatura galega, que no seu seo acolleu polo menos cinco irmáns coa Medalla de Castelao —a máis alta condecoración que a Xunta de Galicia outorga no ámbito das ciencias e das artes—, a catedráticos universitarios como o Venerable Irmán Juan C. M. e a medallas do Parlamento de Galicia, como o Venerable Irmán José Vázquez Fouz en recoñecemento á súa contribución á Autonomía de Galicia, foi inxustamente maltratada, chegando mesmo a abater as súas columnas.

Pero talvez debamos pensar que dalgún xeito así tiña que ser, xa que o seu destino non era outro que instalarse nesta terra, patria pequena do querido Manuel Curros Enríquez e do Venerable Irmán Amando Prada Castrillo, o seu primeiro Venerable Mestre, e para quen hoxe queremos ter unha agarimosa lembranza. O seu legado e o de todos os Irmáns que conformaron esta primeira loxia Curros Enríquez n.º 114, que durante case vinte e cinco anos traballou na capital galega, segue vivo en nós pois dous dos seus Venerables Mestres, os Venerables Irmáns José Vázquez e Juan C. M., están hoxe outra vez con nós, con mazo e cincel, labrando un novo futuro para a Loxia.

O destino quixo que asumamos esta responsabilidade, pero nós asumimos o compromiso de facer prosperar a Orde neste Oriente, confiados en que o traballo realizado, a bagaxe adquirida e a ilusión con que emprendemos este proxecto non teñen outro posible destino que perdurar no tempo e nos corazóns dos ourensáns e de todos aqueles irmáns chegados de calquera xeografía que, como nós, crean e practiquen os nobres valores da Liberdade, da Igualdade e da Fraternidade.

Larga vida e prosperidade para a RLS:. Curros Enríquez nº 114.

Huzzé, huzzé, huzzé!

V.·.H.·. Zamenhoff.
Venerable Mestre