Presento esta Plancha como Aprendiz da Respectable Loxa Simbólica Curros Enríquez de Ourense, integrada na Gran Loxa Española. Fágoo desde a humildade propia do meu grao, aínda coa miña Pedra Bruta diante, consciente de que a primeira tarefa do Aprendiz é aprender a mirar, a calar, a escoitar e a desbastar aquilo que nel mesmo aínda se opón á Verdadeira Luz.
A reflexión nace dunha lectura: Calle Este-Oeste, de Philippe Sands. Pero non traio aquí unha recensión literaria nin un traballo universitario. Traio unha pregunta de Xustiza: cal é a diferenza entre crimes contra a humanidade e xenocidio? E, sobre todo, que nos di esa diferenza sobre a maneira na que unha sociedade debe protexer a vida, a dignidade e tamén a existencia mesma das comunidades humanas?
Resulta evidente que, máis de setenta anos despois da Convención da ONU para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, o debate de fondo con respecto á tipificación deste tipo de crimes continúa vixente. Pois é un debate que transcende sen dúbida a perspectiva xurídica e entronca con aquela filosófica e sociolóxica que ten que ver coa maneira na que enfrontamos a nosa mirada ao mundo. Un debate case tan antigo como a existencia do dereito e que se atopa na base conceptual do que entendemos por sociedade, por comunidade e por grupo social. En definitiva, coa conformación de identidades colectivas e cos innumerables conflitos existentes ao longo da historia entre todas elas.
Rafael Lemkin xa avanzara a comezos dos anos trinta no estudo académico do que anos máis tarde tipificaría como xenocidio —síntese da palabra grega genos, que significa raza ou tribo, e do latín cidere, que significa matar—, que tivo como primeiro nome o de barbarie. Con ese termo, o xurista polaco conceptualizou inicialmente a destrución física de individuos debido á pertenza destes a grupos nacionais concretos. Falaba de actos de exterminio contra comunidades de carácter étnico, relixioso ou social, fose cal fose o motivo; e poñía, desta forma, a existencia da colectividade no centro do ben xurídico susceptible de ser protexido mediante o dereito penal internacional.
Esta primeira aproximación completaríase e veríase influenciada pola existencia dos Tratados de Protección de Minorías, que supoñen o principal antecedente político supranacional da idea de xenocidio. Foi en 1944 cando Lemkin reconfigurou a súa proposta inicial entendendo que as accións punibles se dirixían contra os individuos, non como individuos, senón como membros dun grupo.
A pesar dos inconmensurables esforzos de Lemkin, na sentenza de outubro de 1946 triunfou a tipificación de crimes de lesa humanidade, aínda que só dous meses despois a ONU estableceu o xenocidio como a negación do dereito de existencia de grupos humanos enteiros, sinalando na súa resolución o dano que este delito causa na humanidade: unha gran perda no aspecto cultural e noutras contribucións representadas por estes grupos humanos.
Sería complexo determinar se existe unha diferenza na gravidade dos delitos de xenocidio e de crimes contra a humanidade, pois unha descrición formal dos mesmos, mesmo comprendendo nela a variación na intencionalidade, indícanos que en ambos os dous casos se vulnera o dereito á vida dun número significativo de individuos. Aínda que, se nos atemos á idea de que a gravidade do crime debe corresponderse coa cuantificación do dano xerado, acertaba a Asemblea Xeral da ONU na súa resolución de 1946 ao apuntar que o feito de que o obxectivo do xenocidio sexa exterminar un grupo humano xera un dano engadido no conxunto da humanidade.
Esa humanidade, mesmo nunha sociedade globalizada e mesmo desde unha perspectiva liberal, conforma en si mesma unha comunidade de individuos. A eliminación dun grupo humano priva ao conxunto da humanidade das súas contribucións ao desenvolvemento común: a súa cultura, a súa produción artística, intelectual, moral, relixiosa ou, en definitiva, a riqueza xerada pola convivencia dunha idiosincrasia que, mediante os intercambios coas doutros grupos, moldea o devir da historia.
Desde o punto de vista da teoría da protección de bens xurídicos como finalidade do dereito penal, sería intuitivo determinar que o ben xurídico último a protexer se atopa na vida do individuo, como eixo central e último arredor do que se constrúen as sociedades mediante contrato social. O penalista Claus Roxin chama bens xurídicos a todos os obxectos que son lexitimamente protexibles polas normas e entendidos como entidades reais: a vida, a integridade física ou o poder de disposición sobre valores materiais. En definitiva, esta conceptualización refírese a realidades ou fins que son necesarios para unha vida social libre e segura que garanta os dereitos humanos e fundamentais do individuo.
Trátase, polo tanto, dunha concepción claramente persoal do ben xurídico. Pero apunta tamén Roxin, e isto é relevante para esta reflexión, que tal concepto xurídico non debe limitarse a bens xurídicos individuais, senón que inclúe bens xurídicos da comunidade, engadindo que estes só son lexítimos cando en última instancia serven ao cidadán individual.
Neste contexto, a existencia mesma dunha comunidade de valores ou características compartidas —calesquera que estas sexan— que xeran unha identidade nacional, cultural ou social, non só determina e conforma o modo de vida dos individuos pertencentes á mesma, senón que constitúe o sustento social e relacional arredor do cal o individuo pode relacionarse cos seus semellantes.
Atentando, polo tanto, contra a vida dun grupo de individuos co obxectivo de eliminar a súa comunidade, prodúcese non só un dano contra a humanidade no seu conxunto, en canto se lle priva das contribucións desa comunidade, senón tamén contra o propio individuo, en canto se lle priva da posibilidade do libre desenvolvemento da súa personalidade, da súa liberdade de conciencia ou de culto. É aquí onde converxen unha visión persoal da protección de bens xurídicos coa lexitimación teórica, desde unha perspectiva xurídico-filosófica, do delito de xenocidio, diferenciándoo daquel que, acabando coa vida dun número significativo de persoas mediante un plan predeterminado, non busca no seu fin teleolóxico eliminar a existencia última dun grupo social.
Non deixa de ser esta unha perspectiva claramente estruturalista en canto disolución do suxeito nas estruturas das que forma parte; unha visión, na humilde opinión de quen escribe, necesaria nun contexto globalizador que conleva a irreparable homoxeneización cultural e que desdebuxa os límites das identidades nacionais e culturais. Non se trata da impugnación do individuo como eixo central das estruturas sociais, pois o é; senón da atribución de significancia política e xurídica á comunidade como eixo da existencia das sociedades.
David Held, no seu ensaio A cultura nacional, a globalización das comunicacións e a comunidade política vinculante, baseándose na evidencia de que non hai un conxunto de recordos comúns e globais, así como unha historia universal por medio da cal a xente se poida sentir identificada, formula unha alternativa cosmopolita como modo de interconexión das comunidades políticas en diversos dominios. Así mesmo, rexeita que a idea dun cosmopolitismo cultural estea enfrontada coa diversidade das culturas nacionais, afirmando que non nega a diferenza nin a perdurabilidade da tradición nacional.
E a conformación do dereito internacional debe camiñar tamén cara a ese obxectivo de protección das culturas nacionais e dos grupos sociais, pois só nese camiño se xerará unha conciencia colectiva de respecto internacional e se contribuirá á eliminación de incentivos para a conformación de ideas políticas de superioridade moral, cultural ou étnica; sustento e abono de todos os procesos de persecución e dominio sobre grupos sociais e minorías que ao longo da historia recente remataron en xenocidio.
Chegado aquí, Venerable Mestre, a pregunta xurídica volve facerse simbólica. Porque a Xustiza, entendida masónicamente, non pode reducirse ao castigo nin á aplicación fría da norma. A Xustiza reclama medida, equidade, recoñecemento e protección. A Escuadra lembra a rectitude. O Nivel lembra a igualdade esencial. A Perpendicular lembra a necesidade de elevarse sen perder a verticalidade moral. E o Mandil branco do Aprendiz lembra que todo traballo exterior debe comezar pola limpeza e pola disciplina interior.
Tamén os tres puntos, que empregamos para abreviar o noso idioma simbólico, poden lerse aquí como advertencia. Pasado, presente e futuro. Aprendiz, Compañeiro e Mestre. Sabedoría, Forza e Beleza. Liberdade, Igualdade e Fraternidade. O xenocidio destrúe precisamente esas pontes: nega o pasado dun pobo, extermina o seu presente e impide o seu futuro. Por iso non ataca só corpos. Ataca tamén a memoria, a palabra, a transmisión e a posibilidade de que unha comunidade siga contribuíndo á humanidade común.
Como Aprendiz, entendo que traballar a miña Pedra Bruta non pode ser un exercicio illado do mundo. A aprendizaxe do silencio non é indiferenza. A procura da Luz non é evasión. E a Fraternidade non pode limitarse ao afecto entre iguais, senón que debe abrirse como principio de recoñecemento do outro, tamén cando ese outro pertence a unha comunidade perseguida, negada ou ameazada.
En resumo, a lectura da obra de Sands permite reflexionar acerca de cal debe ser a finalidade da existencia do dereito penal internacional e, neste sentido, concluír que deben convivir —pois son complementarias e ambas necesarias— unha visión de protección dos dereitos humanos do individuo coa irrenunciable protección das comunidades que, polas súas características socializadoras intrínsecas, dan sentido á propia vida do individuo.
Non se trata de trasladar o carácter persoalísimo do ben xurídico lexitimamente protexido ao colectivo, senón de entender a existencia do colectivo como eixo que dota de personalidade ao individuo e de comprender, polo tanto, as comunidades e grupos sociais, en tanto que constituíntes do proceso de desenvolvemento das persoas, como ben xurídico en si mesmo, cuxo ataque ou destrución produce danos irreparables para o conxunto da humanidade.
Se a masonería simbólica nos ensina a construír, esta reflexión lévame a comprender que a maior inxustiza é aquela que pretende impedir que outros sigan construíndo. E se o Aprendiz aspira algún día a ser Compañeiro, talvez deba demostrar primeiro que entende isto: que a Xustiza non é só dar a cada un o seu, senón protexer as condicións que permiten a cada ser humano, e a cada comunidade humana, existir con dignidade, memoria e liberdade.
