Foi un día distinto, o día no que din o paso nunha nova dirección co obxectivo de poder converterme en mellor ser humano e poder mellorar de xeito persoal.
Cos nervios a flor de pel por saber que acontecería polo día, e sen ter idea de como sería a cerimonia de iniciación, fixen a miña viaxe cara o punto acordado, para ser recollido por dúas persoas que neste momento xa podo chamar Irmáns.
Á entrada ó Templo fíxose esperar, pois non contaba con ter que pasar primeiro polo Gabinete de Reflexión. Despoxado ó entrar dos meus metais, redactei o meu Testamento Filosófico, como así me foi pedido polo I:.Gr:.Exp:., nun lugar escuro e lóbrego, rodeado de obxectos que chamaron intensamente a miña atención. Esa noite, xa na casa descubrín que alí había xofre, mercurio, sal e pan. A sala estaba iluminada por un cirio sobre unha caveira e ó lado tiña o galo do Hermes, o tres veces grande.
Fun recollido de alí, cos ollos tapados outra vez esperando a que o meu compañeiro profano realizase o mesmo proceso ca min. Logo dixéronme que estaba pasando a proba da Terra.
Escoitaba voces baixas dende fóra do Templo, murmurios dos meus agora Irmáns e Irmás, que esperaban tamén a nosa entrada, sabendo que era un momento especial para min. A entrada foi inesperada, entrando agachado, polo que parecía una porta moi pequena, e erguéndome rodeado dos meus novos Irmáns e Irmás con unha espada apuntando cara min, aínda a escuras puiden notar como a punta afiada se apoiaba conta o meu corazón.
Despois seguiron as viaxes, que se me fixeron extremadamente longas, dándome a sensación de que estaba nunha sala enorme, pasando por tres probas onde, unha tras outra, o ruído que acompañaba a viaxe íase reducindo ata alcanzar un silencio total. Estas viaxes, cargadas de simboloxía, que supoño interiorizarei co paso do tempo no que xa podo considerar o meu novo fogar, pero que me fixeron pasar pola Auga, o Aire e o Lume. A esas alturas na miña mente xa tiña conectado as probas que estaba pasando cos catro elementos básicos que segundo o Aristóteles conformaban a materia.
Estaba pasando por unha transformación alquímica que me ía converter de profano a iniciado. Un proceso que culminou coa retirada da venda que me cubría os ollos, despois de ouvir como moitas voces pedían para min que se me dera a Luz.
Nese momento descubríronme quen é o meu maior inimigo... cando vin diante de min a todos os que xa son os meus Irmáns e detrás de min a miña imaxe reflexada nun espello.
Finalmente, unha sincera promesa de compromiso cara a Orde e cara os meus Irmáns e Irmás, feita dende o corazón.
Ver os meus Irmáns formando unha cadea que se abriu para recibirme foi quizais o maior momento de emoción desa mañá. Sentirme acollido entre iguais.
Hadrian, A:.M:.
